Axudas a menores de 35 anos para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Normativa

Resolución do 13 de xaneiro de 2021 pola que se convocan as axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021. (DOG nº 21 do 2/2/2021) VI435A

Obxecto

Facilitar ás persoas mozas menores de 35 anos o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade situada en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Requisitos das persoas beneficiarias e da vivenda

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da solicitude, reúnan os seguintes requisitos:

  1. Posuír a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, ter a residencia legal en España.
  2. Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou dentro da súa composición existan persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
    • Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
    • Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
  3. Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que reúna os seguintes requisitos:
    • Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da CA de Galicia de menos de 5.000 habitantes (tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo IGE na data da convocatoria).
    • Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a cen mil euros.
    • Que se trate dunha vivenda xa construída, admitíndose tanto as vivendas novas como as usadas.
  4. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da solicitude, para o caso de que a adquisición fora realizada con anterioridade á data da publicación da convocatoria.
  5. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  6. Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
  7. Que nin a persoa solicitante nin calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por transmisión mortis causa. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou que a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
  8. Que nin á persoa solicitante nin ás demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior Plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

Contía das axudas

Será de ata dez mil oitocentos euros por vivenda (10.800 €), co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

Prazo de presentación de solicitudes

Rematará o 1 de setembro de 2021 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario

Share on facebook
Share on whatsapp
Share on twitter
Share on telegram

Últimas Noticias